Wednesday 15 de May de 2024

Licitan melloras no Camiño Inglés que inclúen a renovación da beirarrúa do Camiño do Regueiro


O Concello de Neda propuxo esta intervención no marco dun proxecto global que contempla 15 actuacións nos municipios polos que discorre a ruta

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés vén de sacar a licitación o proxecto de actuacións de mellora e posta en valor desta ruta de peregrinación a Compostela. Trátase dun paquete de obras con intervencións previstas nos distintos municipios polos que pasa o trazado. O Concello de Neda apostou por incluír neste proxecto a reposición da beirarrúa do Camiño do Regueiro, punto de paso obrigado dos peregrinos e peregrinas para saír do núcleo urbano nedense.

A intervención proposta dende o Concello ten o obxectivo de mellorar a seguridade viaria nesta vía que conecta a Avenida Castelao e a Avenida de Alxeciras. Trátase dun tramo urbano do trazado do Camiño Inglés que, na actualidade, conta cunhas beirarrúas deterioradas polo paso do tempo, o estacionamento de vehículos sobre elas, e reparacións puntuais efectuadas en distintos momentos.

O proxecto que se licita propón a demolición do pavimento da actual beirarrúa norte do Camiño do Regueiro e a construción dunha nova, executada con baldosa hidráulica, incluíndo novos bordos e recrecido de pozos e arquetas á nova cota, ademais da ampliación nas zonas máis estreitas para cumprir os parámetros de itinerario peonil accesible. Se trata, por tanto, de facer máis seguro o tránsito tanto da veciñanza como dos peregrinos por unha vía que soporta un tráfico intenso.

O conxunto das 15 intervencións previstas nas localidades do Camiño Inglés -unhas de pavimentación, outras de iluminación, sinalización…- ten un orzamento de 473.131 euros. E as empresas interesadas en optar a facerse cos traballos poden presentar as súas ofertas ata o 17 de maio.